Contra o dispendio nas infraestructuras públicas

Nos últimos anos vimos observando un modelo de actuación, por parte do goberno do Estado, en canto ás políticas de infraestructuras públicas case que esperpéntico.

O goberno non só dilapida milleiros de millóns de euros en infraestructuras dos fondos públicos senón que ademais a lóxica destas infraestructuras non responde a un patrón de mellora estratéxica senón a reforzar o modelo centralista do Estado.

Centrándonos no caso de Galicia. O Tren de Alta Velocidade (TAV) Galicia-Madrid supón un custo superlativo para as arcas públicas que non reporta, nin moitísimo menos, unhas vantaxes suficientes como para sequera ter formulado ese proxecto.

O TAV é un dos exemplos da obsesión centralista que existe desde Madrid e que deturpa, considerábelmente, o Eixo Atlántico e o Tren Transcantábrico, que nos une con Europa; unha oportunidade estratéxica que, de explotala, podería ser unha fonte de crecemento económico moi importante para Galicia.

Outra consecuencia do centralismo estatal é o localismo nocivo. Este localismo perxudicial está reflexado nos 3 aeroportos galegos. Resulta ridículo que un país como Galicia – con menos de 3 millóns de habitantes – posúa 3 aeroportos dos que, apenas un, ofrece voos internacionais e de xeito bastante deficiente obrigando, a maioría das veces, a facer escala en Madrid.

Froito deste absurdo é a ausencia dun aeroporto galego internacional que dea un bo servizo aos cidadáns cunha ampla oferta de voos internacionais.

Desde Converxencia XXI non podemos facer outra cousa que opoñernos a este sistematismo centralista que tanto empobrece a nosa economía e os nosos servizos.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.