Obxectivos

  1. C21 Confía plenamente na Democracia, na Liberdade e nos Dereitos Humanos. A Democracia é o mellor sistema para garantir as liberdades individuais, a convivencia, o benestar e a prosperidade, e por iso a nosa sociedade debe fortalecela e traballar na súa continua profundización.
  2. Cre que a mellor maneira para fortalecer unha sociedade vertebrada e próspera é potenciar a economía de libre mercado e de libre competencia, coa menor intervención e control do Estado posible. Un sistema económico respectuoso co contorno natural, que incentive o esforzo e a creatividade, auténticos xeradores de traballo, riqueza e benestar. Ademais recoñece e aposta polo papel que a libre empresa e o fomento do espírito emprendedor deben xogar no progreso e dinamismo da economía.
  3. Acredita na potenciación da identidade de Galicia para alcanzar un marco no que a cidadanía galega poida desenvolver ao máximo as súas potencialidades.
  4. Defende o plurilingüismo como valor estratéxico cultural e económico e considera que a lingua galega, propia de Galicia, debe ter a mesma consideración xurídica e social que a outra lingua co-oficial, o castelán. Considera tamén a igualdade de  dereitos dos galego-falantes. Ademais, o partido resalta a necesidade de aproveitar as enormes vantaxes da gran afinidade lingüística cos países de fala portuguesa. Do mesmo modo, o idioma preferente de C21 será o galego.
  5. Atribúe á sociedade civil un rol central no desenvolvemento económico e social.
  6. Defende un ensino e unha sanidade de acceso universal e de calidade como elementos de vertebración básicos da sociedade e como garantes da igualdade de oportunidades.
  7. Considera que as institucións deben promover a integración e fortalecer a igualdade de oportunidades das persoas en condicións desfavorábeis. Ademais, deben garantir a dignidade e a calidade de vida das persoas con dependencia e protexer a familia no sentido máis amplo e heteroxéneo da palabra.
  8. Cre que cómpre acadar un crecemento respectuoso co medio natural e co patrimonio artístico e desenvolver políticas que melloren e preserven este legado para as xeracións futuras.
  9. Recoñece o papel positivo que xogou a Constitución Española de 1978 e constata que está ao servizo da cidadanía, mais acha que pode ser reformada en función dos intereses e preferencias da cidadanía española e galega.
  10. Aposta por unha reforma que desterre a parte inútil da burocracia, que que profundice no autogoberno municipal e que potencie a capacidade financeira e legal de xestións dos nosos Concellos, suprimindo administracións superfluas como as Deputacións.