Converxencia 21

Converxencia 21 aspira a ser un instrumento ao servizo de Galicia e de todas as persoas que queren traballar na construción dun proxecto político adaptado e pensado para as necesidades e ambicións do noso país, que teñen fe no seu futuro e que confían nas súas posibilidades. Converxencia aspira a ser o punto de encontro de todos e todas as que teñan ilusión por construír unha Galicia mellor dende un pensamento autónomo e non subsidiario; dende a autoestima e non dende a falta de confianza das nosas capacidades. O punto de encontro onde converxan os homes e mulleres que queiran construír unha Galicia máis democrática e participativa, e que queiran facelo dende a integración e non dende o sectarismo, desde unha visión colectiva ao servizo do desenvolvemento das persoas, e de todos os que queiran ver unha Galicia plenamente integrada no mundo globalizado do século XXI e que crean na importancia que a iniciativa persoal ten para o logro deste fin.

Dende o punto de vista democrático non pode haber ningún límite de decisión máis ca o que o pobo galego, voluntariamente, queira definir para o seu marco xurídico e político. Apostamos por unha profundización do autogoberno de Galicia e por un recoñecemento da realidade plurinacional de España, que poida, nun futuro próximo, adoptar a fórmula xurídica dunha confederación.