Contra o rescate da banca

Converxencia XXI foi o único partido galego que se pronunciou desde
un primeiro momento, sen ambaxes, en contra dos rescates bancarios. A
insistencia dos sucesivos gobernos en tirarlle as castañas do lume á
banca vannos saír moi caros aos contribuíntes. Irlanda cometeu o mesmo
erro de rescatar os bancos e xa vimos as súa consecuencias. Non
aprendemos.

Ante isto desde Converxencia XXI queremos, en primeiro lugar,
reafirmar o principio xeral da responsabilidade: nunha economía de
mercado calquera empresa ten que ser responsábel dos seus éxitos e os
seus fracasos, é dicir, ten que disfrutar do seus lucros cando os
obtén e confrontar as súas perdas de ser o caso. Só así existen
incentivos á eficiencia. E a banca non debe ser unha excepción.

Sobre a situación do sector financeiro Converxencia XXI quere deixar
claro que:

1. Os problemas do sector financeiro español foron debidos á xestión
irresponsábel de entidades financeiras semi-públicas, as caixas de
aforro, mediatizadas polo poder político. Por tanto, é completamente
inxustificado botarlle a culpa á economía de mercado da actual
situación do sistema financeiro español. Debemos aprender a
lección, a constitución dunha banca pública, pretendida por moitos
sectores esquerdistas alleos á realidade, só conducirá a repetir erros
do pasado, quizais a unha escala aínda maior.

2. Os problemas do sector financeiro español foron en grande medida
magnificados pola actuación dos poderes públicos por mor da súa
insistencia en manter con vida, como zombis, entidades financeiras
insolventes. Este soporte público de empresas ineficientes impediu que
o sector financeiro español se reestruturase a tempo, agudizando os
problemas de crédito e, por tanto, agravando a crise económica
española. En particular, a actuación política en Bankia é digna dun
sainete. Primeiro os poderes públicos obrigaron á fusión dun feixe de
pequenas caixas de aforro e logo esgrimiron para o seu rescate que
Bankia era “demasiado grande para caer”. Bordea o cinismo.

O goberno de Rajoy minte mais que fala. Aseguraron que non ían subir
os impostos e foi o primeiro que fixeron nada mais chegar ao goberno,
prometeron controlar o gasto público e nada mais presentar os seus
primeiros orzamentos a prima de risco española disparóuse, xuraron e
perxuraron que nunca iamos ser rescatados porque eles eran xente seria
que ía poñer disciplina e aquí estamos. Logo de só seis meses no
goberno conseguírono. Estamos rescatados.

O goberno de Rajoy quere vender este rescate como un mérito cando é o
que é, o recoñecemento da insolvencia dun país e da incapacidade dos
seus dirixentes para rectificar o rumbo. Agora os nosos socios
europeos téñennos que prestar o diñeiro. Por moito que o goberno
insista nas súa mentiras, desde Converxencia XXI queremos realizar un
par de puntualizacións:

1. O rescate non é un regalo; é un préstamo e, por tanto, haberá que
devolvelo con seus correspondentes intereses. Así, non debemos
enganarnos, o rescate da banca semi-pública, as caixas de aforro,
habémolo pagar todos os contribuíntes españois.

2. O rescate non é incondicional; é un préstamo ao Estado español e
como debedor o Estado ha ter que aceptar as condicións que os nosos
acredores impoñan. Isto significa que a partires de agora as decisións
públicas hanse tomar en boa medida alén as nosas fronteiras. Dada a
ineptitude dos nosos gobernantes, tal vez isto non sexa o peor que nos
pode pasar.

Ante todo isto Converxencia XXI quere reafirmar a súa convicción de
que as entidades financeiras insolventes non deben ser rescatadas con
diñeiro público, veña este de onde veña. Débese iniciar xa un proceso
de liquidación ordenada das entidades insolventes que faga recaer os
custos da súa pésima xestión nos seus accionistas e nos seus acredores
e que supoña os mínimos custos posíbeis para os contribuíntes
garantindo os intereses dos depositantes. Podemos gabarnos de
coherencia, pois desde o primeiro instante mantivemos este punto de
vista. Non todos poden dicir o mesmo. Se hai tres anos nos tiveran
feito caso non estaríamos onde estamos. O problema do sector
financeiro sería hoxe só unha mala lembranza.

One thought on “Contra o rescate da banca

  1. Marcos Figueiró Xuño 24, 2012 at 2:35 p.m. - Reply

    Estou totalmente de acordo, e parece-me triste que haja partidos políticos que a estas alturas estean a falar da banca pública. Ou è que os sindicatos e partidos políticos que tanto estan a criticar os administradores non conhecian os salàrios e possibles indenizacions?
    Deverian fazer un pouco de autocrítica e dar-lhes un pouco de vergonha.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *