Converxencia 21 pide a retirada das "Medallas Castelao" a Méndez e Gayoso


O vindeiro luns 15 de outubro, o Secretario Xeral de Converxencia XXI e cabeza de lista por Pontevedra de Converxencia XXI, Carlos Vázquez Padín, presentará no Parlamento de Galicia o seguinte escrito:

“Por medio do Decreto 180/1999, de 17 de xuño, da Consellería de la Presidencia e Administración Pública da Xunta de Galicia en atención aos méritos que concorrían en José Luis Méndez López, presidente daquela de Caixa Galicia, foille concedida a Medalla Castelao.

Así mesmo, por medio do Decreto 197/2002, de 6 de xuño, da Consellería de Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, e tamén en atención aos méritos que concorrían en Julio Fernández Gayoso, Presidente daquela de Caixa Nova, foille concedida a Medalla Castelao.

As “Medallas Castelao” foron creadas por medio do Decreto 170/1984, de 27 de xuño da Consellería da Presidencia, e na súa norma fundacional establecía que se poderían conceder a aquelas persoas que desenvolveran un “unha obra merecente do recoñecemento do seu pobo, no campo artístico, literario, doutrinal ou de calquera outra faceta da actividade humana.”

Certamente, de don José Luis Méndez López e don Julio Fernández Gayoso se puido pensar que estaban a facer unha obra merecente de recoñecemento do seu pobo ao longo da súa traxectoria empresarial en Caixa Galicia e en Caixa Nova, pero a súa responsabilidade respecto á nefasta xestión empresarial que levou ás respectivas caixas a unha situación ruinosa e asuntos como a comercialización en circunstancias máis que dubidosas das preferentes e as subordinadas, e o seu comportamento respecto das súas propias xubilacións, amosan ás claras que a súa obra é merecente de reproche e non do recoñecemento do pobo galego.

Por tanto, solicitamos que por parte da Xunta de Galicia se tomen tódalas decisións tendentes a retirarlles a “Medalla Castelao” a don don José Luis Méndez López e a don Julio Fernández Gayoso, dado que o feito de que sigan ostentando tal recoñecemento público é unha aldraxe, para os galegos, para Galicia, e para a memoria do insigne galego don Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.”

 

– Podes seguir o evento clicando nesta ligazón:

Evento da retirada das Medallas Castelao a Méndez e a Gayoso.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *