Contra a suba das cotizacións sociais

 

Este día 31 de xaneiro os autónomos societarios e aqueles que teñan máis de dez traballadores contratados viron que as súas cotas mensuais a pagar á Seguridade Social subiron de súpeto un 20%. A isto tamén hai que sumar o incremento das cotizacións sociais aos asalariados que inclúen conceptos antes exentos que lles implica aos traballadores pagar por eles un 6,4% se son temporais e un 6,35 se son indefinidos, e un notable impacto nas contas de resultados de quen os contrata.

Estas medidas emanan do Real Decreto Lei 16/2003 que o goberno do Partido Popular publicou o sábado 21 de decembro baixo o inocente nome de “medidas para favorecer la contratación estable y mejorar la empleabilidad de los trabajadores”. Escolleu este Goberno uns coletivos de autónomos aos que lles resulta, se cadra, máis difícil darse de baixa do sistema ao teren máis cargas laborais e gastos engadidos. A moitos deles habería que sumarlles o ataque previo da suba temporal de impostos vía retencións de IRPF ao 21% , que acaba de ser prorrogado un ano máis ata as vindeiras eleccións do 2015, e que dificilmente poderán aguantar os seus negocios por máis tempo co conseguinte perigo para os postos dos traballadores aos que o real decreto busca mellorar a súa empregabilidade.

Desde Converxencia 21 rexeitamos esta nova suba de impostos ao traballo nun momento no que moitos millóns de persoas carecen de ocupación, denunciamos o falso apoio aos emprendedores que xa en parte se viron enganados coa rebaixa aos 50€ que non era tal cando tiñan unha sociedade, alertamos que estas medidas o que provocan é desincentivar a contratación, incentivan a economía sumerxida e empobrecen máis uns sectores xa demasiado castigados por este Goberno.

Definitivamente estamos ante unha medida máis das meramente recadatorias e confiscatorias que só busca cadrar as contas públicas vía ingresos e non reducción vía gasto, sobretodo político e improdutivo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.