O Sr. Baltar(jr) e as deputacións

O ínclito presidente da deputación de Ourense, Manuel Baltar, vén de dicir nunha palestra desenvolvida no “Forum Europa. Tribuna Galicia” que as deputacións provinciais son unhas institucións que xa non están postas en cuestión, toda vez que os grupos que tal facían están agora a dirixilas.

Desde Converxencia 21 volvemos dicir que non podemos falar polos demais; se antes había grupos políticos que atacaban as deputacións e agora non o fan, é unha cuestión que terán que dilucidar eles propios. Nós si podemos falar por nós mesmos e neste eido temos unha posición clara e firme, sempre estivemos, estamos e estaremos a prol da desaparición das deputacións provinciais.

Estas institucións naceron no século XIX no intre no que se conformou o estado centralista español, coma unha copia do modelo xacobino francés. Tal modelo centralista, como todos sabemos, foi substituído por un modelo descentralizado na Constitución de 1978 e o feito mesmo de que as deputacións aínda existen, é unha mostra clara da chapuza que se fixo en tal altura.

En España creouse un estado descentralizado por riba dun estado centralista, o cal a pesares de todo permaneceu intacto. A morea de gasto superfluo, ineficiencia, duplicidades, burocracia inútil e un longo etcétera que isto provocou, é ben coñecido por todos pois son os cidadáns os que padecen os males deste sistema perverso.

Os recursos son escasos e as necesidades infinitas. Xa que logo, os recursos escasos cómpre administralos ben. Manter en pé unhas institucións clientelares e inútiles dista moito de reflectir unha administración eficiente e eficaz dos cartos dos contribuíntes.

Finalmente non deixa de chamar a atención que unha persoa como o presidente da Deputación de Ourense diga, e ignoramos como é que non se ruboriza cando o di, que as deputacións están agora lexitimadas argumentando que os partidos que antes estaban en contra delas agora son quen as gobernan. Isto vén dicir, se non entendemos mal, que unha vez que estes partidos acadan poder, e polo tanto acceso a novas fontes de recursos, mudan radicalmente de posición (Por que?).

Seguramente é o mesmo exemplo daquela famosa relación de 33 porteiros (22 deles eventuais) para dúas portas do Edificio Simeón de Ourense que contratou o seu pai, se algunha vez estas persoas pensaron que as deputacións para nada valían, unha vez contratados posiblemente pensaron que era a mellor institución do mundo. A nosa opinión non é a mesma.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *