Converxencia 21 en contra do imposto de sucesións da Xunta

Converxencia 21 quere alertar das elevadas revisións que a Consellería de Facenda está realizando sobre expedientes de sucesións presentados neste exercicio para elevar a recadación por este imposto, xusto cando o Sr. Núñez Feijóo asegurou que non ía subir impostos en Galicia e mesmo chegou a levar no seu programa electoral (en 2009) a supresión deste imposto.

O Imposto de Sucesións grava as herdanzas recibidas que, de acordo coas reglas aplicables, deben tributar para a facenda autonómica. Neste sentido cómpre sinalar que todas aquelas herdanzas inferiores a 125.000 € están exentas, se ben é certo, que coas escandalosas valoracións que aplica a Xunta poucas gozarán desta exención.

Estes días vemos con preocupación as notificacións que moitos contribuíntes están a recibir, nas que se lles informa que os valores dos bens declarados aumentan considerablemente, a pesar de que no momento de presentación do imposto se botase man das ferramentas que a Xunta pon a disposición dos contribuíntes a través da súa páxina web.

Se se valoraban como indica a ferramenta, tributábase nese momento e non nunha hipotética revisión no que ademais de pagar a cota tamén se tiñan que satisfacer os famosos xuros de demora. Á vista da situación, estes medios informáticos da consellería demóstranse totalmente carentes de toda utilidade.

Estas valoracións, que para estes casos que estamos a tratar son exclusivamente inmobiliarias, baseanse en normas técnicas que non reflicten a situación real da economía do país, e recordan a valores de 2008 nos que a burbulla estaba na súa máxima expansión.

Á marxe do anterior é curioso que para un terreo que se expropiou co gallo da ampliación dunha estrada sexa valorado por pouco máis de dous mil euros, e agora outro de semellantes características no caso dunha herdanza supere os doce mil tendo en conta que nin é edificable nin está afecto a ningunha actividade económica do que se podia obter rendemento algún.

A voracidade fiscal da administración tamén nos fai “apreciar” que as herdanzas que máis tributan, porque máis se valoran os inmobles, son aquelas nas que na relación de bens hai cartos en contas ou noutros produtos bancarios.

A frivolidade coa que se trata ao contribuínte non fai ver que, ademáis do feito de que moitas das veces son cartos gañados durante moitos anos, parte están investidos nas famosas preferentes o que lles fai máis difícil ás persoas atender ao pagamento da nova declaración complementaria que lle manda Facenda pola dificultade de facer líquidos estes activos.

Unha vez máis, queremos facer mención expresa de que este imposto é un imposto inxusto que se devenga na data de falecemento dunha persoa, que grava bens e dereitos que xa tributaron previamente e gañados na meirande parte dos casos con grande esforzo e sacrificio, e que nestes momentos herda máis a Xunta que os propios herdeiros posto que o valor dos bens inmobiliarios, que supostamente son de mercado, beneficia á administración e non ao contribuínte que seguramente non os pode pór no mercado pola taxación que lle dá a Administración.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.