O Partido Popular pretende aprobar en breve unha reforma electoral que reducirá o número de escanos no Parlamento de Galicia dos 75 actuais a 61. A desculpa aducida é o aforro que tal redución suporá para as arcas públicas.
Se algo caracteriza a Converxencia 21 é a súa intención de suprimir todos os gastos superfluos que inundan as administracións públicas. Por iso Converxencia 21 non se opón radicalmente á redución do número de deputados, se se pode aforrar algo en beneficio do cidadán, benvido sexa, pero neste caso queremos denunciar a hipocresía do Partido Popular a este respecto cando fai demagoxia con esta medida e se nega a reducir o gasto das administracións naqueles aspectos que benefician os seus intereses e os dos seus. Reducións, xa demandadas por Converxencia 21 e que si suporían un significativo aforro para os petos dos contribuíntes.
Ora ben, Converxencia 21 quere manifestar a súa frontal oposición á reforma nas condicións propostas polo Partido Popular pois:
Primeiro: A reforma electoral proposta polo PP, se non se modifica o número mínimo de escanos atribuídos a cada provincia, 10 segundo a Lei Electoral de Galicia, impacta gravemente na representatividade popular implicando que o valor dun voto das provincias atlánticas, Coruña e Pontevedra, sexa moi inferior ao valor dun voto das provincias de Lugo e Ourense.
Segundo: A reforma do Partido Popular pretende consagrar de facto a existencia de cidadáns e electores de primeira e segunda división.
Terceiro: Esta distorsión ten críticas consecuencias sobre a concorrencia política pois:
*Protexe do castigo dos cidadáns –que estes exercen ao mudar o sentido do seu voto- aos partidos políticos que relativamente obteñan unha maior porcentaxe de votos nas provincias mais ponderadas, Lugo e Ourense,
*Ademais, esta distorsión en combinación cos requisitos mínimos de porcentaxe de voto –un elevadísimo 5% actual- para poder obter representación na cámara empeora aínda mais o papel do parlamento como representante da vontade popular pois:
Cuarto: Dificulta enormemente a entrada nas institucións de novos partidos. Especialmente daqueles que callen nas provincias menos ponderadas, Coruña e Pontevedra.
Como é ben sabido a porcentaxe de voto do Partido Popular é claramente superior nas provincias interiores, Lugo e Ourense, que nas provincias atlánticas, Coruña e Pontevedra. Por tanto Converxencia 21 considera que o verdadeiro obxectivo da reforma electoral do Partido Popular non é o aforro declarado, mais protexerse da concorrencia electoral para así perpetuar a súa maioría absoluta, especialmente nun tempo en que prevé unha significativa caída do seu respaldo electoral.
Teñamos en conta que se comparamos os resultados das últimas eleccións autonómicas coas inmediatamente anteriores o Partido Popular xa perdeu unha porcentaxe significativa do voto popular. Porén, paradoxalmente, a súa representatividade no Parlamento de Galicia aumentou. Qué podemos esperar dunha democracia na que un goberno é castigado cunha menor porcentaxe de voto popular e aínda así aumenta o seu respaldo parlamentar? Sen dúbida algunha, a reforma do Partido Popular agudizaría estes indesexados paradoxos.
Debemos ser conscientes de que o funcionamento dun sistema electoral debe garantir a concorrencia entre todos os participantes, tanto daqueles xa asentados como dos potenciais entrantes que achegan novas ideas e proxectos. De non ser así, estase privando á cidadanía de castigar as malas accións de goberno e de premiar as novas iniciativas. A ausencia de premios e castigos inherente a un sistema electoral concorrencial implica que os gobernantes non terán incentivos a realizar correctamente o seu labor de dar resposta ás inquedanzas da cidadanía, cuestionándose así o correcto funcionamento do sistema democrático.
O sistema electoral galego xa está ateigado de trabas á libre concorrencia tales como as distorsións provinciais, os requisitos de porcentaxe mínima de voto ou as subvencións públicas aos partidos políticos que forman parte do statu quo. Converxencia 21 denuncia que a reforma electoral do Partido Popular reforza estas trabas e privilexios.
Por este motivo, Converxencia 21 manifesta o seu mais completo desacordo coa reforma e avoga por unha verdadeira reforma electoral que mellore a calidade da nosa maltratada democracia.
Por iso Converxencia 21 propón:
- Eliminar a porcentaxe mínima requirida para obter representación no Parlamento de Galicia.
- Eliminar todos os subsidios autonómicos e de outras administracións aos partidos políticos do statu quo. Curiosamente, nuns momentos de extrema debilidade das arcas públicas cuns cidadáns cribados de impostos os orzamentos do Estado consagran un aumento de case o 30% do financiamento público dos grandes partidos.
- Instaurar como xurisdición única a Comunidade Autónoma de Galicia ou, no seu defecto, reconsiderar o reparto provincial de escanos para adaptalo á porcentaxe de poboación de cada provincia.